Coristanco (A Coruña), 5 de setembro de 2023
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que a Xunta rematará en outubro as sendas de Montecelo e Bormoio, que con 777.000 euros de investimento permitirán completar un itinerario continuo de 4 quilómetros entre Coristanco e Carballo.
Vázquez Mourelle, xunto co alcalde de Coristanco, Juan Carlos García Pose, e o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, supervisou a pé de obra os traballos en execución destes 1,3 km de sendas nas marxes da estrada autonómica AC-552, co fin de favorecer os desprazamentos a pé dos veciños cara ao centro comercial.
Trátase de 2 novas sendas, en Montecelo e en Bormoio, que darán continuidade ao itinerario de 2,5 km que a Xunta puxo en servizo a comezos do ano pasado en Carballo, desde a saída dese termo municipal ata o inicio das beirarrúas de Coristanco, no que investiu 1,1 M€.
A conselleira explicou que estes itinerarios, xa moi avanzados, se executan en formigón coloreado, para facelos máis visibles aos condutores, e en cor terriza natural, para unha mellor integración na zona. As sendas son de uso mixto, aínda que pensadas, fundamentalmente, para o tránsito peonil, e cun ancho mínimo de 2 metros, o que garante a accesibilidade e favorece a mobilidade dos veciños.
Concretou que o itinerario de Montecelo se desenvolve ao longo de 780 metros, desde o final da senda que vén de Carballo ata a contorna do centro comercial, pola marxe esquerda. Neste caso xa había unha zona con beirarrúas, que se renovaron para conformar o novo itinerario, aproveitando o trazado e ampliando o seu ancho. Ademais, na zona de solo rústico onde non había beirarrúas, habilitouse a nova senda peonil e aproveitouse, ademais, para acondicionar a curva existente, co retranqueo do muro de pedra.
A conselleira sinalou que neste treito a senda está executada na súa totalidade, co estendido ou reposición dos servizos urbanos, restando só reafirmar a curva, coa extensión dunha nova capa de aglomerado, e traballos de sinalización e pintura definitiva.
Con respecto ao segundo treito de senda no núcleo de Bormoio, a titular de Infraestruturas da Xunta detallou que se trata dun itinerario de 560 metros, que vai pola marxe dereita da estrada, unindo Agualada e o acceso ao cemiterio de Agrilloi.
Neste caso, segundo precisou, para garantir a continuidade no paso polo río Calvar faise necesario ampliar a ponte mediante voadizo, para integrar na plataforma o espazo para darlle continuidade á senda nese punto. Esta é a intervención que resta, xunto con pintura e sinalización. Ethel Vázquez sinalou que nestes momentos estase a traballar en fábrica neses elementos necesarios para o voadizo. Concretou que a finais deste mes de setembro se espera recibir en obra os prefabricados para comezar a executar a senda integrada na plataforma da ponte.
Estas intervencións completáronse coa mellora da drenaxe onde xa había rede de pluviais, e onde non había, dotando colectores e pozos de rexistro, necesarios para a conexión cos sumidoiros. Onde foi necesario executáronse pequenos muros de contención de altura máxima de 1,50 metros.
A titular de Infraestruturas incidiu en que neste momento se está encarando xa o remate das obras, cumprindo coa palabra dada, polo que en outubro os veciños de Coristanco terán á súa completa disposición eses 1,3 km de sendas de Montecelo e Bormoio, tras un investimento da Xunta de 777.000 €.
As intervencións contan con financiamento europeo dos fondos Feder 2014/2020 e REACT EU.
Ethel Vázquez salientou que a Xunta continúa avanzando no impulso da mobilidade sostible nos concellos galegos, coa construción de máis de 250 km de sendas en toda Galicia nos últimos anos e un investimento superior aos 50 M€; entre eles, resaltou, os 11 km executados en Bergantiños aos que se destinaron 5 M€.
Afirmou que a Xunta seguirá impulsando estas infraestruturas verdes para unha mobilidade máis cómoda, segura, sostible e saudable, e adiantou que se está a traballar xa nun proxecto para a execución dunha nova senda na AC-421 en Coristanco, entre Agualada e Buño, para mellorar a accesibilidade e seguridade dos veciños nese tramo urbano. Agárdase que na primavera poida estar redactado o proxecto para iniciar a súa tramitación.