Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2025
A Xunta restablecerá desde o próximo luns, 25 de agosto, os itinerarios pola avenida das Pías de Ferrol en 38 liñas de autobús que se adaptaron temporalmente polas obras na estrada FE-14, de competencia estatal.
Co axuste das liñas tras os desvíos temporais iniciados en 2023 recupéranse os percorridos habituais en máis de 500 servizos á semana nas conexións cara a Ares e Mugardos e cara á Coruña, Betanzos e Pontedeume.
Así, entre servizos que saen de Ferrol e chegan á cidade, volverán circular pola avenida das Pías nun día laborable 92 servizos, 34 os sábados e 35 os domingos.
As liñas volverán realizar as paradas previas aos desvíos temporais iniciados en 2023. Con carácter xeral, incorporan de novo as paradas do Barrio do Pilar e as que se sitúan na estrada FE-14 á altura das vivendas de Bazán e do barrio de Caranza. A localización destas dúas adecuouse aos emprazamentos actuais habilitados tras os traballos de mellora da seguridade viaria na estrada estatal.
Estas medidas súmanse á restitución desde o mes de abril do percorrido das liñas de autobús Caranza – Praza Vella e Praza Vella – Caranza, coñecidas como liña C polas persoas usuarias, que tamén se modificara polas obras.
Cabe lembrar que a Xunta consensuou a comezos de 2023 as solucións para os desvíos temporais no transporte público autonómico co Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, co Concello de Ferrol e coa asociación de veciños de Caranza, avaliando as alternativas máis adecuadas para o conxunto das liñas.
En conxunto, as adaptacións cumpriron o dobre obxectivo de manter paradas próximas ás habituais para facilitar o acceso ao autobús durante os traballos na estrada e, á vez, evitar que os cambios na circulación dos autobuses afectasen ao tráfico da cidade.
A información actualizada sobre os servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.