Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2025
A Xunta retoma o luns os traballos de renovación do firme na autoestrada do Val Miñor (AG-57).
Estas tarefas desenvolveranse entre os días 15 e 19 de setembro en horario diurno entre os puntos quilométricos 19+000 e 22+000 do tronco da autoestrada e no ramal de Nigrán.
Para levar a cabo estas actuacións serán necesarias afeccións a un carril, quedando habilitado para a circulación o outro carril.
Esta intervención, que conta cun investimento de máis de 150.000€, dálle continuidade ás actuacións xa executadas nos pasados meses nesta estrada.
De xeito máis concreto, os traballos consistirán no estendido dunha nova capa de rodaxe nunha superficie de 8.067 m2, incluíndo as reparacións necesarias do firme e o selado de fisuras.
Esta campaña enmárcase nos traballos de conservación e mellora do firme que forman parte do contrato da Xunta coa concesionaria. Trátase de garantir a calidade, seguridade e durabilidade dos pavimentos e contribuír a reforzar a seguridade viaria nesta contorna.