A Xunta somete a información pública o proxecto para construír unha senda na vía de servizo anexa á estrada PO-548 no Concello de Valga

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2025

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o anuncio polo que se somete ao tramite de información pública o proxecto para construír una senda na vía de servizo anexa á estrada autonómica PO-548, no concello pontevedrés de Valga.

O prazo para presentar alegacións a este proxecto será de 30 días hábiles contados a partir de mañá.

Esta actuación de mellora da mobilidade e da seguridade viaria suporá un investimento que rolda os 176.000 euros, ao incluírse o pagamento das expropiacións necesarias para executar as obras no treito anexo á vía autonómica, situado entre os puntos quilométricos 4+170 e 4+285.

En total, esta intervención ten unha lonxitude aproximada de 120 metros, e non contemplan unha intervención sobre o trazado, senón unha redistribución das seccións para habilitar itinerarios seguros. A actuación pretende a mellora dos anchos da vía de servizo, a execución dunha zona peonil e dun camiño de acceso ás leiras que non interfira coa vía de servizo nin a senda. Todo isto coa finalidade de acadar unha mellora na seguridade peonil e evitar conflitos coa circulación dos vehículos.

O obxectivo da Xunta é poder aprobar o proxecto no primeiro trimestre de 2026, para a continuación acometer a redacción do proxecto construtivo e licitar a execución das obras. O prazo de execución das obras é de 6 meses.

O proxecto

O proxecto impulsado pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, prevé á ampliación da plataforma viaria na vía de servizo anexa a PO-548, na súa marxe dereita, aumentando a calzada actual ata os 6 metros de ancho, co que se pretende garantir o cruzamento dos vehículos en condicións máis axeitadas.

Proponse executar, tamén, unha senda anexa de formigón coloreado de 2 metros sen franxa vexetal, que garanta a accesibilidade peonil en condicións de seguridade na contorna, permitindo a conexión coa Igrexa de Santa Columba de Cordeiro de Valga.

Así mesmo, a intervención prevé manter a accesibilidade ás parcelas privadas existentes, mediante un pequeno camiño de servizo de 3 metros de ancho adxunto pola dereita da senda e pegado ao terreo.

Tamén se levarán a cabo actuacións na drenaxe da vía de servizo, xa que se prevé a modificación da rede existente de pluviais mediante a incorporación de novos elementos.

O departamento que dirixe María M. Allegue segue a traballar en actuacións que melloran e favorecen nos municipios unha mobilidade máis sustentable, cómoda e segura.