Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2024
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, reuniuse esta tarde co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites, para afondar nas demandas galegas en materia de mobilidade. Nesta liña, o conselleiro pediulle ao empresariado a unión de forzas na defensa do Corredor Atlántico de mercadorías, ao igual que se está a facer para axilizar a conexión de alta velocidade entre Galicia e Portugal tal e como se demostrou no acto Queremos AVE celebrado a comezos deste mes en Vigo, así como para impulsar as conexións e infraestruturas ferroviarias que Galicia precisa.
Para o conselleiro, administracións e empresariado deben insistir conxuntamente para que o Goberno central informe do Plan director do Corredor Atlántico, e coñecer así os prazos, investimentos e proxectos previstos co obxectivo de poder avalialos e realizar achegas. Así, lembrou que o Goberno galego leva meses esixindo este Plan director con compromisos e cifras, sen recibir ningún tipo de información, vendo cada día a falta de investimentos e a perda de oportunidades empresariais.
Apuntou tamén que a Xunta sempre defendeu o carácter estratéxico desta rede, prioritaria para a Unión Europea, e que, segundo os estudos previos realizados por Galicia, Asturias e Castela León requiriría dun investimento de 8.000 millóns de euros en novas infraestruturas para ferrocarril de mercadorías.