A Xunta testa un novo sistema de valado virtual para evitar a irrupción de animais nas estradas

Santiago de Compostela, 17 de maio de 2025

A Xunta testa un novo sistema de valado virtual para evitar a irrupción de animais nas estradas.

Para avaliar a eficacia deste mecanismo, instalouse como proba piloto na estrada LU-540 (Viveiro – Cabreiros), entre os puntos quilométricos 37+340 e o 39+520, un treito próximo á intersección coa AG-64.

O obxectivo deste mecanismo é disuadir ao animal para que non acceda a un treito da calzada cando existen vehículos en circulación.

O valado virtual detecta as luces dos vehículos en circulación, activa dous sistemas disuasorios activos, un luminoso a través de destellos, e outro sónico, orientados cara ao exterior da estrada, co fin de deter o avance do animal antes de que acceda á calzada.

A instalación destes elementos disuasorios activos ao longo das dúas beiras dunha estrada conforma un sistema que se vai activando por treitos cando circulan vehículos e permanecendo inactivo cando non hai tráfico rodado.

A alimentación dos dispositivos é autónoma, por medio de paneis solares individuais e baterías integradas, sen conexión á rede. Tanto os paneis como as baterías dispoñen da capacidade necesaria para manter o seu funcionamento axeitadamente durante todo o período nocturno.

O Goberno galego, consciente da sinistralidade na rede viaria por mor da irrupción de fauna salvaxe como o xabaril, vén reforzando nos últimos anos as medidas para achegar solucións a esta problemática.

Cómpre lembrar que a Xunta instalou valados reforzados en vías de alta capacidade e testou varios métodos experimentais como os prismas reflectantes ou a ouriña sintética de lobo.