Santiago de Compostela, 10 de maio de 2026
A Xunta urxe unha vez máis ao Goberno de España a aportar certezas e concrecións respecto do Corredor Atlántico na Comunidade e “a pasar dos titulares aos feitos, amosando ese calendario con prazos, concreción de obras e investimentos do Plan Director do Corredor que pedimos en tantas ocasións e do que seguimos tendo tan só unha presentación”.
Así o trasladou o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, en relación a análise de accesibilidade territorial ás estacións de alta velocidade do Corredor Atlántico publicado polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible no que se garante para 2030 que o 99% da poboación galega estará a menos dunha hora dunha estación de alta velocidade. Segundo o conselleiro esta estimación é inviable porque hai cidades como Ferrol ou Lugo que son das peor conectadas por tren e quedan á marxe da alta velocidade. Por iso, non ve cribles as cifras do Ministerio, xa que, precisamente inclúe para 2030 a Ferrol, Betanzos-Infesta ou Lugo como estacións de alta velocidade, cando acumulan unha longa lista de incumprimentos neste ámbito e obras pendentes.
O Goberno galego sorprendese deste listado tendo en conta as reclamacións que a Xunta vén trasladando durante tempo ao Ministerio para modernizar, entre outras, as infraestruturas ferroviarias que permitan reducir os tempos de viaxe na comarca de Ferrolterra e en Lugo. Por iso, o conselleiro cuestiona se isto implica que o Executivo estatal por fin vai atender as demandas da Xunta para axilizar actuacións prioritarias como a prolongación da alta velocidade ata Ferrol, a modernización da liña A Coruña-Ferrol dando prioridade ao baipás de Betanzos ou desbloquear o proxecto da estación intermodal. Do mesmo xeito, tamén advirte de que se inclúe o ramal A Coruña-Betanzos-Ferrol cando este tramo non está incluído nas actuacións para a rede básica con horizonte 2030 senón na rede global para 2050.
No caso de Lugo, o conselleiro lembra que mentres a Xunta avanza na construción da terminal de autobuses e o aparcadoiro da intermodal, esta infraestrutura non pode considerarse de alta velocidade, mentres a cidade non conte cos servizos ferroviarios necesarios. Nesta liña, ademais de rematar o tramo Ourense-Lugo e a súa electrificación urxe avanzar nas conexións Ourense-Monforte-Lugo e Lugo-Santiago.
Canto á conectividade á alta velocidade no Corredor Atlántico, cómpre lembrar que o Goberno galego leva anos solicitando ao Ministerio un Plan Director do Corredor Atlántico completo e rigoroso cun calendario claro e actuacións e investimentos definidos. Para a Xunta, esta infraestrutura estratéxica para a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal debe contemplar tamén a necesaria coordinación con Portugal e a conexión ferroviaria de alta velocidade entre Vigo e Porto. Por iso, a Xunta lembra que os atrasos existentes na saída sur de Vigo e o tramo entre O Porriño e a fronteira portuguesa fan inviable que o Goberno de España poida cumprir os seus compromisos, xa que coas actuacións e trámites pendentes, o horizonte desta conexión situaríase, polo menos, en 2038.