Inicio / Noticias / A Xunta reduciu en dous terzos a hipoteca en concesións de autovías do bipartito, construíu 220 quilómetros de vías de altas prestacións e mantivo o investimento en conservación de estradas
08/11/2023 - 08:11
A Xunta reduciu en dous terzos a hipoteca en concesións de autovías do bipartito, construíu 220 quilómetros de vías de altas prestacións e mantivo o investimento en conservación de estradas

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2023 A Xunta reduciu en dous terzos a hipoteca en concesións de autovías do bipartito, construíu 220 quilómetros de vías de altas prestacións e mantivo o investimento en conservación de estradas.

A conselleira lembrou que o Goberno bipartito deixou en herdanza uns compromisos de gasto a futuro por importe de 4.100 M€, o que supón que, 14 anos despois, o Goberno galego terá que destinar en 2024 ata 58 M€ para pagar esas débedas.

Ethel Vázquez puxo en valor a eficiencia na xestión dos recursos públicos da Xunta, que ademais de reducir notablemente a hipoteca en materia de concesións de autovías deixada polo bipartito, foi capaz de avanzar na vertebración territorial, aumentando a extensión da rede de vías de altas prestacións libres de peaxe ata conseguir que máis do 80% da poboación viva a menos de 15 minutos dunha vía destas características.

E esa mesma eficacia, engadiu, permite á Xunta seguir investindo cada ano 50 M€ en mantemento e conservación da rede de estradas autonómica.

Ethel Vázquez mostrou os contratos de concesión para a construción mediante pago aprazado das autovías do Salnés e do Barbanza, asinados ambos pola exconselleira do bipartito María José Caride e que establecen a obriga de pagarlles ás empresas adxudicatarias unha indemnización multimillonaria en caso de creba.

A conselleira explicou que, como consecuencia deses contratos, no caso de que as concesións fosen á creba pola caída de tráfico derivada da crise económica, a Xunta tería que pagarlles 190M€ de recursos públicos nun único exercicio en concepto de responsabilidade patrimonial.

Ethel Vázquez explicou que no escenario orzamentario de 2014 era inasumible para a Xunta afrontar ese pago ás empresas privadas e atender, ao mesmo tempo, as prioridades da sanidade pública, a educación pública ou a dependencia.

Concretou que eses 190 M€ que a Xunta lle tería que pagar ás concesionarias no caso de deixar quebrar os contratos das autovías é equivalente ao investimento necesario para construír 16 Centros Integrais de Saúde como o de Lugo; 79 centros de saúde como o da Milagrosa ou 10 Rondas Leste.

Fronte a ese camiño inasumible, a Xunta apostou por unha solución alternativa, coherente coa situación orzamentaria e co interese xeral, que consistiu en reequilibrar as tarifas das peaxes en sombra no caso en que era necesario para garantir a viabilidade das concesións. Fíxose, puntualizou, moi por debaixo dos importes solicitados polas empresas e só nos casos onde os números o xustificaban, rexeitando a solicitude de reequilibrio para a autovía Santiago-Brión.

A titular de Infraestruturas explicou que a Xunta segue a defender o interese xeral e por iso na autovía Ourense-Celanova as tarifas xa se volveron a reequilibrar á baixa e o mesmo se fará coa revisión do resto das concesións.

Ademais, lembrou que a Xunta denegou as solicitudes de reequilibrio presentadas polas concesionarias das autovías con peaxe en sombra pola caída do tráfico derivada da covid-19.

O exemplo do Plan de Transporte Público

Ethel Vázquez lembrou tamén no Parlamento que a  Comisión Galega da Competencia vén de abrir o correspondente expediente sancionador ás empresas de transporte afectadas pola sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que, en ningún caso, cuestiona o procedemento de contratación seguido no Plan de Transporte Público de Galicia.

Ethel Vázquez salientou que o proceso de contratación do transporte público autonómico está avalado, tanto polo Tribunal Administrativo de Contratación Pública, como polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, onde os 40 contenciosos presentados se resolveron de forma favorable á Xunta.

A conselleira tamén puxo en valor que o Ministerio de Transportes pon de exemplo á Xunta no seu seguimento e control das concesións de transporte público autonómico.