Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2025
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, interveu hoxe no Parlamento, onde puxo en valor a aposta da Xunta pola conectividade da Costa da Morte coa prolongación da autovía outros 5,5 quilómetros, que suporá un investimento de 36M€.
Allegue anunciou que proximamente se someterá a información pública a actualización do proxecto de prolongación da autoestrada entre Santa Irena en Vimianzo e a AC-432, prevendo licitar a obra antes de que acabe o ano.
Sinalou que a execución deste novo tramo incluirá a construción de 2 enlaces e a previsión dun terceiro, 3 viadutos, 6 pasos superiores, 3 pasos inferiores e 6 obras de drenaxe.
Destacou como estrutura máis singular o viaduto sobre o río Vimianzo, que permitirá un cruzamento de cerca de 250 metros á altura do quilómetro 7.
Salientou que esta prolongación daralle continuidade ao tramo entre Carballo e Baio, posto en servizo en 2016. Trátase dunha autovía con case 28 quilómetros libres de peaxe, que supuxo un orzamento de 170,5M€.
Este treito posibilitou a comunicación dos concellos de Carballo, Coristanco, Cabana de Bergantiños, Zas e o termo municipal de Vimianzo, mellorando a seguridade viaria na contorna e reducindo os tempos de viaxe.
Fixo fincapé no compromiso do Goberno galego por conectar territorios, pois isto equivale a atraer talento, a novos modelos produtivos e contribúe á cohesión social.
Remarcou que para a Xunta avanzar nas infraestruturas é unha responsabilidade e faino con seriedade e planificación. A este respecto, lembrou que o rescate dos contratos de concesión das autoestradas do Salnés, da Barbanza, Ourense-Celanova e Santiago-Brión supón un aforro duns 330M€ nos orzamentos dos vindeiros anos, o que permitirá seguir aumentando o número de quilómetros de vías de alta capacidade.