Feijóo pide ao Goberno central un compromiso firme para que os trens Avril cheguen a Galicia no verán e a priorización das obras das autovías na Comunidade

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2022.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pediu hoxe ao Goberno central un compromiso firme para que os trens Avril cheguen a Galicia no verán e a priorización das obras das autovías na Comunidade; unhas obras que, segundo recordou, van a un “ritmo inasumible”, con atrasos nalgún caso de fai 20 anos.

Durante unha reunión, esta mañá, coa ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, Feijóo incidiu na necesidade de que o tren de Alta Velocidade se estenda ao resto das cidades galegas, “xa que estamos a falar dun activo extraordinario para Galicia e para o noroeste de España, tanto no eido da industria como no relacionado co sector turístico”, precisou.

Nesta mesma liña, resaltou a importancia de cumprir os tempos de conectividade pactados: Santiago-Madrid en 2 horas e 50 minutos; Pontevedra-Madrid en 3 horas e 10 minutos; Vigo-Madrid en 3 horas e 20 minutos; e Coruña-Madrid en 3 horas e 15 minutos. “E acordamos tamén abordar nas vindeiras semanas cun grupo técnico como levar o ancho internacional ata Santiago, co fin de facilitar a conectividade e a competitividade”, engadiu.

En relación ás intermodais, o presidente autonómico cualificou de “boa noticia” o anuncio da licitación neste semestre de 2022 da estación de Ourense, converténdose na primeira gran estación de alta velocidade de Galicia. “E, deste xeito, quedarían pendentes as intermodais da Coruña e de Lugo”, recordou, facendo fincapé en que, pola súa banda, a Xunta xa ten consignado unha partida nos orzamentos para levar a cabo as obras das estacións de autobuses.

O responsable autonómico referiuse tamén ao risco de configurar unha rede ferroviaria galega de dúas velocidades na que Lugo e Ferrol queden descolgadas. Así, no caso de Lugo, ademais da planificación de modernización da liña, reiterou que sen variantes de trazado non se poderá aspirar a unha conexión con Madrid competitiva; e, en relación con Ferrol, demandou unha planificación e que se leve a cabo o baipás de Betanzos. Ademais resaltou o necesario compromiso coas conexións de Vigo con Ourense e Porto, coa Variante exterior en Ourense -da que falta máis da metade por licitar-, así como coas obras pendentes da remodelación do antigo túnel do Padornelo.

No que se refire ao ferrocarril de mercadoría, o titular da Xunta valorou a creación por parte do Ministerio de Transportes dun comisionado no que participen as comunidades e se prioricen as cuestións de rede básica do Corredor Atlántico. E, especificamente, valorou a confirmación da licitación, o vindeiro mes, da conexión ferroviaria a Punta Langosteira; e solicitou que se dea prioridade á saída sur de Vigo e á conexión con Porto.

Ademais de demandar novamente a transferencia da AP-9, o presidente galego aproveitou o encontro para solicitar que se apliquen na autoestrada Santiago-Lalín (AP-53) as mesmas bonificacións que se están a implementar noutras autoestradas.

Feijóo e a ministra Raquel Sánchez abordaron tamén os necesarios avances nas autovías que o Goberno central está a construír na Comunidade. Ao respecto, instou ao Executivo a desbloquear as obras da autovía Lugo-Ourense, planificada hai 18 anos e con só o 9% do trazado executado; así como a fixar unha data de finalización da autovía Lugo-Santiago, toda vez que o tramo Melide-Palas de Rei estará rematado no 2023 e queda aínda pendente o treito Arzúa-Melide.

“Sobre a autovía Ourense-Ponferrada expuxen a necesidade de priorizar as variantes do Barco de Valdeorras e de Monforte, ademais do tramo Villamartín-Requejo-O Barco”, dixo, valorando tamén o obxectivo do Ministerio de Fomento de licitar neste 2022 o subtramo Foz-Burela da autovía da Mariña.

Por último, e como alternativa á A-55, o titular da Xunta trasladou a proposta do Executivo galego de converter en autoestrada de peaxe en sombra o treito da AP-9 entre Vigo e O Porriño.

Finalmente e ante a posibilidade de que o Goberno central implante un sistema de pago en todas as autovías de España, Feijóo insistiu en que a opción do custo por quilometraxe sería discriminatoria para os territorios máis periféricos, “estamos a falar dun modelo que quebrantaría a competitividade da economía”, abundou.