A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, participan hoxe nunha xuntanza telemática coa conselleira de Mobilidade e Transformación Dixital de Castela e León, María González Corral, e co conselleiro de Medio Rural e Cohesión Territorial do Principado de Asturias, Alejandro Calvo Rodríguez.
Con este encontro, os responsables de transportes dos gobernos das tres comunidades autónomas confirman a vontade común do noroeste de intensificar os actos comúns e a da unión do noroeste arredor do Corredor Atlántico. O obxectivo é dotar de máis forza a reivindicación ante o Goberno de España e ante a UE para que se desenvolvan os investimentos precisos para acadar a modernización e mellora da rede de comunicacións deste ámbito territorial.
Trátase de unificar agora o traballo que as tres comunidades desenvolveron de forma separada pero coordinada en todo momento en canto a obxectivos e parámetros, co obxectivo de propoñer ante o Goberno de España e da UE, actuacións concertadas para o desenvolvemento do transporte intermodal e da loxística no noroeste español.
O camiño común procura incrementar a eficiencia da loxística, mellorar a competitividade industrial e fomentar unha mobilidade máis sostible, algo que require dunha rede de transporte de mercadorías de calidade. Así, considérase que o Corredor Atlántico debe traducirse para o noroeste nunha maior intermodalidade, nun aumento da capacidade da rede e nunha mellora da relación custo-prazo do transporte de mercadorías por ferrocarril.