A Estrada (Pontevedra), 5 de xullo de 2024
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou hoxe coa veciñanza e visitantes na primeira Rapa das Bestas de Sabucedo, no concello pontevedrés da Estrada, que se está a celebrar co recoñecemento de Ben de Interese Cultural na categoría de patrimonio inmaterial, e onde fixo entrega dunha placa conmemorativa desta distinción.
“Calquera que a teña vivido sabe do impactante e extraordinaria desta tradición, que merecía esta máxima protección polo seu valor cultural sobranceiro”, aseverou o titular de Cultura do Goberno galego, quen estivo acompañado polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño. Na súa asistencia a esta xornada festiva fixo fincapé na “espectacularidade” de todos os rituais que abrangue a Rapa das Bestas, “admirada por propios e foráneos”.
Neste senso, lembrou que xa contaba co recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional e incidiu nos rituais que acompañan a unha das festas máis antigas de Galicia, con polo menos, tres séculos de historia que “espertan un alto interese e concorrencia, tanto de visitantes como de medios de comunicación” nunha aldea que non supera os 60 habitantes durante o resto do ano.
En concreto, detallou a singularidade da misa alborada, a baixada dos cabalos salvaxes do monte, o curro ou rapa, ao que lle segue o proceso de volver ceibalos de novo, “e sempre con coidado e respecto polos animais”, subliñou. Precisamente, fixo fincapé en que se trata da manifestación inmaterial máis clara que existe en Galicia da relación ancestral entre uns animais e o seres humanos, como xa se reflicte nos gravados rupestres que existen preto desta aldea. A maiores, puxo en valor a escenificación que se realiza entre os denominados aloitadores e as bestas. Neste senso, agradeceu o traballo da Asociación da Rapa, “cuxa enorme implicación ten contribuído a súa preservación e difusión ao longo de todos estes anos”.
Con esta aprobación xa son 789 os Bens de Interese Cultural existentes en Galicia. Deles 116 foron declarados desde a entrada en vigor da Lei de Patrimonio Cultural de 2016, unha cifra que reflicte o importante compromiso do Goberno por protexer, conservar e pór en valor o patrimonio sobranceiro da Comunidade.