Noia (A Coruña), 11 de novembro de 2024
O Goberno galego aprobou hoxe someter a información pública o proxecto de trazado da 1ª fase de conversión en autovía da vía de altas prestacións Brión-Noia (CG-1.5), que suporá, segundo sinalou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, un orzamento que rolda “os 29 millóns de euros”.
No Consello da Xunta tamén se deu conta da aprobación provisional deste proxecto do desdobramento da CG-1.5, previa aos trámites de información pública e do informe das administracións afectadas. O proxecto construtivo dispón xa do informe favorable da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.
O trazado que se proxecta terá unha lonxitude de 9,66 km; iniciarase no final da autovía AG-56, Santiago-Brión, e finalizará no tramo Martelo-Noia. Esta primeira fase de conversión en autovía supón “o 60% do trazado da vía de altas prestacións”, que ten unha lonxitude de 18,2 km e “pola que circulan cada día uns 10.000 vehículos”.
O proxecto aprobado provisionalmente hoxe polo Executivo autonómico someterase nas vindeiras semanas ao trámite de información pública durante o prazo de 30 días.
A previsión da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas é poder aprobar o proxecto no segundo trimestre de 2025, para a continuación realizar a convocatoria de levantamento de actas previas das expropiacións e licitar a execución das obras ao longo de 2025. O prazo de execución das obras é de 18 meses, aínda que se concretará nos dous proxectos construtivos que derivarán deste proxecto de trazado.
As actuacións proxectadas
O obxectivo desta actuación é converter en autovía o treito comprendido entre os quilómetros 11+640 e o 21+300, realizando o desdobramento para a autovía cara ao lado esquerdo da vía de altas prestacións CG-1.5, polo que se manterá a estrutura actual ao situarse no lado contrario do carril lento. Isto favorecerá que se poida manter a funcionalidade durante o transcurso das obras.
Aquí, é importante lembrar que durante a realización das obras desta vía en calzada única xa se tivo en conta a futura conversión en autovía, cun trazado axeitado. Para iso na execución da vía de altas prestacións Brión-Noia realizáronse os movementos de terras principais da obra e os pasos superiores e inferiores, que non é necesario ampliar salvo no caso do paso inferior situado no quilómetro 11+990.
En concreto, a estrada proxectada no desdobramento será para cada calzada de dous carrís de 3,5 metros, beiravías de 2,5 metros exterior e 1 metro interior, e disporá de mediana de 3 metros entre os bordos de beiravía das plataformas contiguas, dando continuidade ás características da autovía no tramo Santiago-Brión.
No marco das obras que se acometerán realizaranse algunhas modificacións na conexión coa autovía Santiago-Noia (AG-56), co obxecto de adaptar o trazado existente á nova autovía.
Unha das modificacións consistirá na reconstrución dos noiros do desmonte existente na marxe esquerda en dirección Noia, para obter o largo necesario para a nova sección. Outra intervención será a ampliación dun paso inferior para adaptalo ao novo largo da autovía.
Actualmente, o treito obxecto deste proxecto de trazado da vía de altas prestacións Brión-Noia conta con dous enlaces a distinto nivel, Urdilde e Martelo, e cun ramal de incorporación a nivel en Gundín, sentido Santiago. Os dous enlaces conservaranse, sendo obxecto do desdobramento a execución definitiva dos ramais da calzada para desdobrar, pero o ramal de Gundín desaparecerá coa ampliación da calzada pola imposibilidade física de conservalo co desdobramento da vía.
Así, os enlaces deste novo treito de autovía estarán en Urdilde, no punto quilométrico 15+400, a 3,4 quilómetros do anterior enlace en Brión; e en Martelo, no punto quilométrico 18+930, a 3,53 quilómetros do anterior enlace.
En canto ás estruturas, nas obras de construción da vía CG-1.5 executouse xa a maior parte das obras de paso, prevendo a plataforma final con sección de autovía, salvo no paso inferior no quilómetro 11+945 e no viaduto de Naveira.
A intervención proxectada para o paso inferior no quilómetro 11+945 prevé a prolongación da sección existente, minimizando o grosor da lousa da estrutura, para mellorar a disposición no camiño de servizo para que a solución final da vía secundaria sexa máis axeitada.
No caso do viaduto de Naveira, proponse unha ponte xemelga á existente, coa peculiaridade de que os pilotes de 1 metros de diámetro dos estribos xa están executados. O viaduto terá 7 vans de 40 metros de luz entre eixos de pilas. Estas serán fustes octogonais ocos. O taboleiro terá unha largura de 11,50 metros.