Rueda avanza a variante leste de Viveiro cunha proposta realista e consensuada que suma un investimento de 38 M€

Viveiro (Lugo), 23 de decembro de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presentou hoxe a proposta para a variante leste de Viveiro, unha solución que cualificou como "viable, funcional e respectuosa" para dar resposta a unha demanda histórica, “pola que Viveiro e toda esta zona leva moitísimo tempo esperando”.

Durante o acto, no cal estivo acompañado pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, o titular do Executivo autonómico subliñou que este novo proxecto é froito dunha planificación traballada e seria e dunha política de consenso para chegar a unha solución máis funcional para mellorar as comunicacións neste concello, o principal núcleo da Mariña lucense e o terceiro máis poboado da provincia –en torno a 15.200 habitantes–: “Trátase dunha solución moi traballada que confío en que suscite o consenso xeral”, apuntou.

Neste sentido, agradeceu a colaboración institucional do Concello de Viveiro, e sinalou que a nova variante está deseñada para articular o tráfico dun concello que soporta máis de 13.000 vehículos ao día. Así, o obxectivo principal é liberar o núcleo urbano, prevendo que preto dun 60% do tráfico —especialmente o transporte pesado— utilice a nova vía, xa que absorbería todos os desprazamentos de longo percorrido, a circulación cara ao porto de Celeiro, e parte do tránsito local. Isto traducirase nun incremento da seguridade viaria e nunha mellora nos tempos de traxecto: “Agradezo todo o traballo que está feito e creo que o que había que facer era poñer unha solución enriba da mesa, unha solución estudiada, e que esa solución sexa unha realidade con investimento importante”, asegurou.

Dúas fases

O proxecto integral consta de algo máis de 10 quilómetros divididos en dúas fases: a variante oeste (cara ao Vicedo) e a variante leste. Esta última, que centra a actuación inmediata presentada hoxe, contará cun investimento de 37,6 millóns de euros para un trazado de 6,2 km.

A variante leste discorrerá desde a glorieta de conexión na LU-540 ata o inicio do corredor Celeiro-San Cibrao. Na súa configuración técnica destacan dúas grandes estruturas: un viaduto de 503 metros en Celeiro e un viaduto de 130 metros en Rego Fontecoba.

O presidente avanzou que a previsión da Xunta é licitar o proxecto de construción desta variante leste no primeiro trimestre do vindeiro ano e comezar as obras nesta lexislatura: “Confío en que 2026 sexa un ano de ir cumprindo prazos para que isto sexa unha realidade canto antes”, salientou.

Compromiso firme coa provincia de Lugo

Alfonso Rueda enmarcou esta actuación na estratexia global da Xunta pola vertebración do territorio. Neste sentido, lembrou que o Goberno galego está a investir tamén 8,2 millóns de euros na transformación do treito Viveiro-Ourol (LU-540), unhas obras que rematarán en 2026.

Así mesmo, incidiu en que a prioridade da Xunta seguirá a ser o mantemento dos 5.500 quilómetros de rede viaria autonómica para ofrecer unha mobilidade cómoda, moderna e segura.