Rueda destaca o investimento da Xunta de máis de 36 M€ na ampliación da autovía da Costa da Morte e a conxelación das súas peaxes para unha mobilidade máis cómoda e segura

Vimianzo (A Coruña), 7 de xaneiro de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que a licitación da prolongación da autovía da Costa da Morte con 5,8 novos quilómetros de vía de alta capacidade libres de peaxes, supón contar con “infraestruturas máis sostibles, máis seguras e máis cómodas para os usuarios”: “Un proxecto longamente esperado pero que hoxe xa publicamos. Unha prolongación dunha infraestrutura empezada hai moito tempo e que agora da un paso importante e queda para as medras”, resaltou o presidente.

Así o salientou, acompañado da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Fernández Allegue, durante un acto celebrado para presentar o proxecto de obra do novo tramo, comprendido entre Santa Irena (Vimianzo) e a estrada AC-432, que comunica este concello con Camariñas. Unhas obras que está previsto que comecen este xullo.

Así, o Goberno galego investirá 36,3 M€ para este novo treito que estará limitado a 100 km/h. As obras resultan de gran complexidade técnica, xa que inclúen a construción de dous enlaces e a previsión dun terceiro; tres viadutos; seis pasos superiores; tres pasos inferiores; e seis obras de drenaxe. A estrutura máis singular será o viaduto sobre o río Vimianzo, que permitirá o cruzamento da vía sobre esta contorna e que terá preto de 250 metros de lonxitude: “Facer infraestruturas nunca é sinxelo, implica un esforzo orzamentario importante; pero este é outra das vantaxes de ter os Orzamentos en vigor”, remarcou Rueda.

Todas estas actuacións permitirán conectar mellor a zona, reducir os tempos dos usuarios e seguir proporcionando comodidade e seguridade aos usuarios: “Oxalá que esta decisión sexa o principio de moitos máis investimentos que fagamos nesta comarca”, apuntou o presidente. Neste sentido, o obxectivo da Xunta é darlle continuidade ao tramo de autovía da Costa da Morte que se puxo en funcionamento no 2016, con case 28 quilómetros libres de peaxe que comunican os concellos de Carballo, Coristanco, Cabana de Bergantiños, Zas e o termo municipal de Vimianzo, ata Santa Irena.

Conxelación de peaxes

Alfonso Rueda puxo esta actuación como exemplo do compromiso da Xunta con ofrecer a mellor mobilidade aos cidadáns, un obxectivo no que se enmarca tamén a conxelación este ano das peaxes desta autovía A Coruña-Carballo (AG-55) e tamén da do Val Miñor (AG-57).

Así, este 2026 estas peaxes mantéñense entre as máis baixas de España, o que se traduce nun aforro real e moi importante para os usuarios, tal e como asegurou Rueda, grazas a “un esforzo orzamentario para a Xunta”. Neste sentido, un usuario que se desprace da Coruña a Carballo a diario, ida e volta, de luns a venres, aforrará anualmente máis de 390 euros, cantidade que se multiplica se o usuario é de familia numerosa ata os 882 euros.

Ademais, hoxe 8 de cada 10 galegos viven a menos de 15 minutos dunha vía de altas prestacións e o obxectivo da Xunta pasa por seguir aumentando tamén o número de quilómetros de vías de alta capacidade da súa titularidade.