Rueda subliña o compromiso da Xunta coa modernización da Xustiza coa inauguración do novo edificio xudicial na Estrada

A Estrada (Pontevedra), 1 de outubro de 2025

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, participou hoxe na inauguración oficial do novo edificio xudicial da Estrada, unha infraestrutura que culmina anos de traballo e que responde ao compromiso do Goberno galego coa modernización da Administración da Xustiza e coa mellora dos servizos públicos prestados á cidadanía. “O noso obxectivo é habilitar edificios dignos para os que traballan neles e os que veñen como administrados da Xustiza”, indicou tras asegurar que o da Estrada “é un edificio para o futuro que permitirá traballar con comodidade, modernidade e transparencia”.

A nova sede xudicial permite reunir nun único inmoble os dous xulgados de Primeira Instancia e Instrución que ata agora estaban dispersos en diferentes locais, resultando nun único Tribunal de Instancia con dúas seccións. O edificio, sito no núcleo de servizos de A Baiuca, conta con case 1.600m2 nunha planta única e con todas as instalacións necesarias para albergar con comodidade as dependencias referidas, ademais doutros espazos para Fiscalía, Rexistro Civil ou sala de atención á vítima. En total, dará servizo a milleiros de cidadáns da Estrada e a súa contorna e acollerá un cadro de 18 profesionais.

A Xunta destinou preto de 3,3 millóns de euros a este proxecto, que sufriu atrasos debido á crise internacional de materiais derivada da invasión de Ucraína. Trátase do primeiro edificio xudicial en Galicia concibido baixo os máis avanzados estándares de sustentabilidade, con elementos como unha cuberta vexetal, sete patios interiores con luz natural e un deseño que cumpre os requisitos europeos de edificios de consumo case nulo esixibles antes de 2030.

O presidente enmarcou esta actuación na estratexia global da Xunta para a mellora de infraestruturas xudiciais en Galicia, que supón un investimento de máis de 165 millóns de euros entre 2014 e 2026. Neste período inclúense proxectos como a Cidade da Xustiza en Vigo – “que é todo un referente en España”, salientou o presidente, os novos edificios xudiciais de Pontevedra e Ourense ou a rehabilitación da Fábrica de Tabacos na Coruña, así como case 500 obras menores en 53 edificios xudiciais galegos desde 2009.

Autovía Santiago- A Estrada

Por último, Rueda salientou que a posta en marcha do novo edificio xudicial complementarase cunha mellora nas comunicacións na comarca da Estrada. “Agardamos poñer en servizo antes de final de ano o tramo da autovía Santiago- A Estrada do que xa están rematando as obras e iniciar o último e definitivo”, indicou.