A Xunta aproba definitivamente os Mapas estratéxicos de ruído da Rede autonómica de estradas de Galicia

Santiago de Compostela, 26 outubro de 2025

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas publicou esta semana no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se aproba o expediente de información pública e  definitivamente os Mapas estratéxicos de ruído da Rede autonómica de estradas de Galicia correspondentes á cuarta fase da Directiva Europea 2002/49/CE, sobre avaliación e xestión do ruído ambiental, que foron aprobados provisionalmente o pasado 7 de maio de 2025 e sometidos a información pública, durante o prazo dun mes.

A Directiva Europea 2002/49/CE, sobre avaliación e xestión do ruído ambiental, trasposta ao ordenamento xurídico español mediante a Lei 37/2003, de 17 de novembro, do Ruído, establece a obriga de elaborar Mapas estratéxicos de ruído para aquelas estradas ou treitos de estrada que conten cun tráfico anual superior aos 3 millóns de vehículos, denominados grandes eixos viarios. Estes mapas deben revisarse e, no seu caso, actualizarse cada 5 años a partir da súa data de aprobación. Polo tanto, estes mapas que agora se aproban definitivamente, constitúen a actualización dos mapas da terceira fase aprobados en setembro do 2021.

Estes grandes eixos viarios da rede autonómica, que constitúen as 81 unidades de mapa estratéxico (UMEs) que se aproban definitivamente, teñen unha lonxitude total de 552,22 quilómetros, repartidos en 253,92 quilómetros na provincia de A Coruña (31 UMEs), 14,54 quilómetros na provincia de Lugo (6 UMEs), 21,26 quilómetros na provincia de Ourense (6 UMEs) e 262,50 quilómetros na provincia de Pontevedra (38 UMEs).

A finalidade dos mapas estratéxicos de ruído é a avaliación global da exposición da poboación ao ruído debido ás emisións acústicas asociadas ao tráfico destes grandes eixos viarios autonómicos e a recompilación dos resultados obtidos. A partir dos resultados destes mapas, elaborarase o Plan de Acción contra a contaminación acústica da Rede autonómica de estradas de Galicia que determinará as accións prioritarias a levar a cabo nas estradas autonómicas, no caso de superación dos obxectivos de calidade acústica establecidos pola normativa vixente en materia de ruído.

No seguinte enlace poden consultarse os mapas sometidos a información pública e aprobados definitivamente:

https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/informacion-publica/estudos