Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2023
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria das probas para obter o certificado de aptitude profesional (CAP) para o exercicio de condutor de transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada.
A Xunta realizará ao longo do ano 2024 un total de 8 convocatorias para a obtención do CAP. O prazo de inscrición para a primeira convocatoria esténdese desde mañá e ata o vindeiro día 20 de decembro deste ano.
No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a estas probas: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20231120/AnuncioG0533-131123-0002_gl.html
CategoríasOs exames teñen como obxectivo acadar os certificados profesionais para a condución de distintas categorías de vehículos: camión (C), autobús (D) e remolque (E).
De modo máis concreto, convocaranse exames para as categorías D1, que inclúe vehículos de non máis de 16 pasaxeiros, ademais do condutor e remolque de ata 750 kg; D1 + E, que lle engade á anterior descrición o remolque de máis de 750 kg. Tamén se desenvolverán probas para as categorías D, é dicir, vehículos de máis de 8 pasaxeiros e sen límite superior, ademais do condutor e remolque ata 750 kg; ou D + E, que engade á anterior descrición a posibilidade de remolque de máis de 750 kg.
No caso dos camións, convocaranse probas para o certificado C1, para vehículos de 3.500-7.500 MMA, ata 8 pasaxeiros; C1 + E, con remolque de máis de 750 kg; C, para camións de máis de 3.500 MMA e remolque de ata 750 KG; ou C + E, vehículos de máis de 3.500 MMA e sen límite e remolque de máis de 750 kg.
A convocatoria destas probas correspóndelle á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, podendo presentarse a elas todos os alumnos, con independencia do seu lugar de residencia habitual e do lugar no que realizaran o curso preceptivo.
O certificado de aptitude profesional acreditará que o condutor superou os cursos e os exames esixidos e será expedido polos órganos autonómicos competentes para o outorgamento de autorizacións habilitantes para a realización do transporte público discrecional de viaxeiros e mercadorías por estrada.
Estes dispositivos reforzan as garantías de seguridade e transparencia e incrementan a profesionalización e a competitividade no sector do transporte.