A Xunta e o concello de Ferrol demandan melloras ferroviarias e a inclusión de Ferrolterra no Plan director do Corredor Atlántico

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2025

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo reuniuse hoxe co alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e con representantes dos grupos municipais que compoñen a Corporación deste concello, Pamen Pieltain, Rafael Fernández, Iván Rivas e Jorge Suárez, para abordar as necesidades da cidade en materia de infraestruturas ferroviarias. No encontro participaron tamén a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros.

Na reunión, o conselleiro presentou o estudo Propostas de mellora da mobilidade e o transporte ferroviario en Ferrolterra, impulsado pola Xunta ante a falta de concreción do Estado en relación coas actuacións previstas nesta área. O documento sinala como principais problemas a existencia de infraestrutura e materiais obsoletos, falta de mantemento, limitacións do trazado e altos tempos de viaxe, o que repercute nunha baixa competitividade e nun uso decrecente deste medio.

O Goberno galego aposta, ademais de polas melloras ferroviarias, polo desenvolvemento dun nodo intermodal que facilite a conexión entre diversos medios de transporte.  Con este obxectivo, propón a reordenación e melloras na infraestrutura para reducir os tempos de viaxe a 45 minutos e mellorar a funcionalidade e seguridade viaria, cun investimento estimado de máis de 250 millóns de euros. As actuacións prevén melloras puntuais no trazado, executar a variante de Betanzos, establecer novos puntos de cruce para incrementar as frecuencias, a electrificación da liña e a adecuación dos apeadeiros.

Potenciar a intermodalidade

Sinálase tamén a importancia de potenciar a intermodalidade co desenvolvemento da Estación Intermodal de Ferrol, que precisaría dun investimento de 37 millóns de euros. Cómpre lembrar que tanto a Xunta como o Concello levan anos agardando a formalización dos convenios co Estado para esta obra a prol da accesibilidade e da funcionalidade.

Segundo sinalou Diego Calvo, “Ferrol precisa de iniciativas para non perder o tren da modernización nas infraestruturas ferroviarias”. Nesta liña, lembrou que a Xunta xa vén demandando desde hai anos a intermodal para esta cidade, a única en Galicia que non a ten en funcionamento ou en obras, e a mellora da liña ferroviaria entre A Coruña e Ferrol para reducir os tempos de viaxe, así como a inclusión desta rede e do porto de Ferrol no Plan director do Corredor Atlántico. “Trátase de medidas irrenunciables para garantir a conectividade de Ferrol e culminar así o eixe atlántico”, apuntou. O vindeiro paso será, con posterioridade, remitir dito estudo ao Goberno para que atenda as propostas de mellora das infraestruturas ferroviarias nel incluídas e se atendan as reivindicacións de Ferrol.

Supresión do enlace entre Ferrol e Madrid

Ademais, o conselleiro aludiu tamén á supresión do enlace directo entre Ferrol e Madrid, que trascendeu hoxe e que evidencia que “lonxe de mellorar as conexións o Goberno segue reducíndoas”. Así, reclamoulle ao Executivo central que Galicia conte coas conexións e infraestruturas ferroviarias que precisa  para competir en igualdade de condicións con outros territorios. “Xa o diciamos onte, que cando Renfe fai un anuncio é para tapar unha mala nova e hoxe podemos confirmar que non nos equivocabamos” afirmou. Diego Calvo volveu reiterar que Galicia precisa dunha oferta de billetes axeitada para que os usuarios poidan planificar as súas viaxes e non só "promesas insuficientes" para pasar a unicamente a época estival. "Non queremos ser máis ca ninguén, pero tampouco menos", concluíu.