A Xunta executa a glorieta na estrada AC-862 coa AC-115 en Xuvia, no concello de Neda, que reforza a seguridade viaria e a fluidez do tráfico da contorna

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2025

A Xunta avanza nas obras do proxecto da instalación da nova glorieta en Xuvia, no concello de Neda. Ditas obras, que contan cun investimento estimado en máis de 405.000 €, están destinadas ao reforzo da seguridade viaria e a fluidez do tráfico da contorna.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, supervisou hoxe os avances dos traballos iniciados este mes de agosto. A intervención en marcha, cun prazo de 5 meses, céntrase na reforma da intersección en forma de “t” entre as estradas AC-862 no entorno do punto quilométrico 7+280, e a estrada AC-115.

O director destaca esta actuación por ser un avance significativo na mellora da mobilidade e nas necesidades dos veciños, incidindo nas complexas condicións aos que se deben facer fronte na execución da glorieta, debido principalmente aos contornos do cruce actual xa existentes, marcada polas edificacións con beirarrúas.

Incidiu así como a rotonda incrementará a fluidez do tráfico, que actualmente está regulado por semáforos.

Por iso, execútase a glorieta na AC-862 e AC-115, cunha circunferencia de radio de 16 metros no anel exterior da calzada, e 8 metros de diámetro no anel interior, que terá unha pequena zona verde interior.

Tamén, se actuará nos treitos de acceso e saída da glorieta da AC-862 e AC-115, nos que se realizarán adaptacións pola implantación da glorieta.

Así mesmo, intervirase nos entronques do viario local, onde é especialmente relevante o enlace con seguridade do camiño que entronca actualmente con visibilidade deficiente na AC-862.

Ademais, esta obra resolve a ausencia do treito sen beirarrúa, dándolle continuidade ao longo da AC-862, na súa marxe esquerda, favorecendo así a mellora das condicións de accesibilidade peonil e a seguridade viaria dos veciños.

Francisco Menéndez puxo en valor esta nova actuación da Xunta para a mellora da seguridade viaria, a funcionalidade e a mobilidade da zona, e como elemento que contribúe á redución da velocidade na contorna.