A Xunta iniciará o luns as obras de conservación e reforzo de firme na autoestrada autonómica do Val Miñor

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2025

As novas obras de reforzo do firme na autoestrada autonómica AG-57, Vigo-Baiona, iniciaranse este vindeiro luns e prolongaranse ata o venres día 8 de agosto, se as condicións climatolóxicas así o permiten.

Co obxectivo de minimizar o impacto no tráfico, os traballos  na AG-57 realizaranse maioritariamente en horario nocturno, entre as 22:00 e as 06:00 horas, salvo na peaxe de Gondomar, onde os traballos desenvolveranse durante as 24 horas, quedando habilitado para a circulación o outro carril.

Esta intervención forma parte das intervención sistemáticas de conservación para este 2025, sendo o seu obxectivo garantir a calidade, seguridade e durabilidade dos pavimentos.

Os traballos a desenvolver ao longo desta vindeira semana comprenden a rehabilitación estrutural do firme e reposición, con mesturas bituminosas en quente, en base aos resultados das auscultacións e a campaña de inspeccións visuais que se realizan na autoestrada.

En detalle, as afeccións previstas á circulación comezarán o luns e se prolongarán ata o venres 8 de agosto durante 24 horas, con corte dun carril na peaxe de Gondomar (quilómetro 11+000), quedando habilitado o outro carril.

O resto das intervencións serán só en horario nocturno, das 22:00 horas e ata as 06:00 horas, quedando sempre habilitado o desvío de tráfico correspondente, para minimizar  a incidencia na circulación. Deste xeito, o luns e martes os traballos de reforzo de firme suporán o corte nocturno do carril de entrada á autoestrada do ramal de Sabarís (quilómetro 5+000).

Estes traballos nocturnos, proseguirán o xoves 7 e o venres 8, e suporán o corte de ramal de entrada á autoestrada en sentido Baiona do enlace de Ramallosa (quilómetro 9+000).

A campaña, que conta cun orzamento estimado de 151.000 euros, enmárcase nos traballos de conservación e mellora do firme que forman parte do contrato da Xunta coa concesionaria. Esta intervención permitirán a mellora das características superficiais en 8.067 m2, na AG-57, pequenas reparacións e substitución de 930 m2 de trieff (bordo de cemento) na peaxe de Gondomar.