A Xunta insiste na necesidade dunha folla de ruta clara para o Corredor Atlántico en Galicia

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2026

A Xunta insiste na necesidade de dispoñer dunha folla de ruta clara para o Corredor Atlántico, tras o anuncio do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible de que manterá o nivel de investimentos do ano pasado nesta rede. O Goberno galego sinala que estes investimentos están a realizarse sen a aprobación dun Plan Director, que Galicia leva tempo reclamando, esixindo un documento completo e rigoroso, con compromisos, cifras e prazos, ademais de que debe contar coas comunidades autónomas na súa elaboración.

Nesta liña, desde a Xunta lémbrase que só se dispón dunha presentación con actuacións sen identificar, fitos concretos ou planificacións. Ademais, tampouco se teñen noticias do grupo de traballo creado para o seguimento do plan nin do prometido interlocutor con Renfe. Isto súmase en Galicia á acumulación de retrasos nos proxectos e de anuncios que non se materializan, o que non pasa noutros territorios.

Para o Goberno galego, o Ministerio intenta impresionar con que se licitaron en 2025 máis de 3.000 millóns de euros na rede ferroviaria do Corredor Atlántico, pero en Galicia os avances reais e palpables son mínimos. Fronte a isto, o Corredor Mediterráneo ten máis do 80% da infraestrutura finalizada ou en execución e o resto planificado.

A Xunta incide no carácter estratéxico do Corredor Atlántico, prioritario para a Unión Europea, e insiste en que debe incluír tamén unha folla de ruta clara para a alta velocidade entre Vigo e Porto, así como Vigo e Ferrol como portos nodais.