Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2023
A Xunta licitou hoxe por 877.627 euros as obras de construción do aparcadoiro disuasorio para o fomento do vehículo compartido, asociado á implantación de zonas de baixas emisións, na estrada autonómica PO-551, en Domaio, no concello de Moaña.
A Plataforma de Contratos Públicos da Xunta recolle hoxe o inicio da contratación do primeiro dos aparcadoiros disuasorios proxectados pola Xunta no Morrazo, co obxectivo de mellorar a mobilidade entre os núcleos da comarca do Morrazo e as áreas de Vigo e de Pontevedra.
As empresas interesadas nesta obra teñen de prazo ata o vindeiro 17 de abril para presentar as súas ofertas, sendo o obxectivo da Xunta comezar os traballos no verán.
En concreto, este aparcadoiro disuasorio na PO-551 situarase nas proximidade do enlace de Rande e proxéctase como prolongación do xa existente na marxe dereita da estrada autonómica, no punto quilométrico 33+250.
Este aparcadoiro contará cun total de 75 prazas, 2 delas para vehículos conducidos por persoas con mobilidade reducida e 3 puntos de recarga para vehículos eléctricos.
O aparcadoiro disporá de carrís de circulación interior dun só sentido e unha banda perimetral de itinerario peonil.
Esta actuación forma parte dos proxectos promovidos pola Xunta ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE no impulso da transformación da mobilidade nas contornas urbanas, apostando por desprazamentos máis limpos e sostibles, aos que destina este ano 29,3 M€.
No marco destes proxectos, a Xunta inclúe os aparcadoiros disuasorios, as sendas nas contornas das grandes cidades, a mellora da seguridade e da accesibilidade nas paradas de autobús nas estradas autonómicas ou os investimentos nas estacións intermodais.
A Xunta segue a traballar a favor da mobilidade sostible, impulsando a dotación de aparcadoiros disuasorios en zonas próximas ás principais vías de entradas ás cidades de Galicia e conectados coa rede de servizos de transporte público colectivo, con itinerarios peonís e ciclistas.