Lalín, 26 de xullo de 2022 A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, acaba de mellorar as opcións de empregabilidade, a través da formación laboral, de 40 persoas desempregadas do municipio de Lalín cos Obradoiros de Emprego de formato dual Sendas e de garantía xuvenil Proxecto Lalinnova, que contaron cun investimento global de case 720.000 euros do executivo autonómico.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado do alcalde, José Crespo, participou esta mañá no acto oficial de clausura destas dúas iniciativas laborais, nos que se entregaron os correspondentes diplomas acreditativos.
“O emprego é un dos grandes eixos da acción de goberno da Xunta e por iso seguimos apostando por este modelo formativo, que ten moi boa acollida entre os concellos e as persoas sen traballo, que mellora moito a empregabilidade e favorece a inserción laboral dos participantes na bisbarra do Deza”, explicou o representante autonómico, que lembrou que na provincia de Pontevedra formouse a máis de 400 persoas nos últimos nove meses a través de vinte obradoiros de emprego que supuxeron un investimento de 6,6 millóns de euros.
Luis López trasladoulles os parabéns aos participantes, agradeceulles “a súa implicación dende o pasado mes de outubro e as gañas de aprender un oficio para mellorar os seus coñecementos laborais e outorgarse, de aquí en adiante, máis oportunidades no mercado” e amosouse convencido de que “aproveitaron axeitadamente todo este tempo para acadar oportunidades en dous sectores con moita saída laboral, especialmente no sur da provincia de Pontevedra”.
Nesta liña, recalcou o “compromiso” da Xunta coa creación de emprego e a xeración de riqueza na comarca do Deza, “algo que demostramos ano tras ano con feitos, tal e como se confirma coa constante concesión de obradoiros e doutras iniciativas, como dos cursos AFD de formación para desempregados que desenvolvemos en toda a zona dende o pasado outono”.
O obradoiro de emprego en formato dual Sendas celebrou os módulos de Actividades Auxiliares en Conservación e Mellora de Montes e Traballos de Carpintería e moble, mentres que a iniciativa de garantía xuvenil Proxecto Lalinnova desenvolveu as súas ensinanzas en Sistemas Microinformátivos e Actividades Físico Deportivas Recreativas. En todos os casos, os alumnos participantes desenvolveron prácticas dos seus respectivos módulos para mellorar os servizos e as infraestruturas públicas municipais.
“Damos cumprida resposta ao que pide a cidadanía e ofertamos un programa de formación moderno, dual, orientado á xente sen traballo para mellorar a súa empregabilidade, posibilidades de futuro e inserción laboral, que ademais recibiron unha remuneración durante nove meses e que contribuiron ao beneficio colectivo de todas e todos con obras públicas a través das prácticas deste plan formativo”, concluíu o delegado territorial.