A Xunta pide ao Goberno central transparencia e cooperación no desenvolvemento do Corredor Atlántico

Xixón, 28 de novembro de 2025

A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, pediulle ao Goberno central transparencia e cooperación institucional no desenvolvemento do Corredor Atlántico, durante a súa intervención no IX Foro de Transporte Multimodal Corredor Atlántico e Autopistas Ferroviarias: Retos e Oportunidades para a Loxística e o Transporte Multimodal, organizado pola Asociación de Empresarios do Transporte, Loxística, Aparcadoiros e actividades afíns do Principado de Asturias.

A directora xeral lembrou que a Xunta lle solicitou en reiteradas ocasións ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible coñecer o Plan Director do Corredor Atlántico, completo e actualizado, xa que ata o momento só facilitou presentacións de diapositivas con información incompleta. Así, insistiu na necesidade de coñecer actuacións, orde de prioridades, investimentos e prazos realistas, tal e como demandan tanto os gobernos autonómicos do noroeste como o empresariado.

Segundo apuntou, o Goberno central “intenta impresionar con que se licitaron este ano máis de 3.000 millóns de euros na rede ferroviaria do Corredor Atlántico, pero en Galicia os avances reais e palpables son mínimos”. Fronte a isto, “o Corredor Mediterráneo ten máis do 80% da infraestrutura finalizada ou en execución e o resto planificado”, engadiu.

Para Judit Fontela, é innegable o abandono por parte do Goberno central aos territorios do noroeste ibérico, gran materia pendente na que é fundamental o pulo das autopistas ferroviarias (AF) e a necesidade empresarial de ter fiabilidade no sistema, con garantías sobre as frecuencias e os tempos no transporte. A directora xeral destacou que xa son dous os proxectos presentados ao Adif, as AF Galicia-Madrid e Galicia-Zaragoza-Barcelona; e demandou datas e investimentos ao Goberno central, recordándolle que aínda hoxe está a evaluar qué gálibos de paso son os existentes e cales precisa modificar.

Por outra banda, a directora xeral referiuse á importancia estratéxica da conexión por alta velocidade entre Vigo e Porto, que acumula xa retrasos na tramitación que fan imposible o cumprimento dos prazos prometidos, incidindo en que non se relegue para non excluír a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal do obxectivo europeo de conectividade.

A directora xeral expuxo a relevancia do Porto de Vigo, subliñando a quinta posición que ostenta a infraestrutura a nivel nacional en importe de exportacións, e reiterou a demanda  da súa inclusión como porto nodal na rede básica do Corredor Atlántico.

Judit Fontela afondou tamén nas diversas eivas que sofre a rede ferroviaria galega, como é a falta de interoperabilidade pola existencia dunha rede sen adaptar ao ancho internacional requirido pola Unión Europea, sen electrificar en case a súa metade, cun 75% de vía única e supeditada ao monopolio de Renfe, entre outras limitacións. Para a directora xeral, esta realidade “réstalle competitividade á comunidade galega e restrinxe o dereito das persoas a unha mobilidade sostible”.