Santiago de Compostela, 20 de abril de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recibiu 11 ofertas para a redacción do proxecto de execución da segunda fase da autovía Nadela-Sarria, entre A Pobra de San Xiao e a conexión coa A-6 en Nadela, que suporá un investimento de arredor de 30 M€.
Trátase do contrato de redacción do proxecto de trazado, do estudo de impacto ambiental e do proxecto construtivo para executar o desdobramento do treito de 13,5 km da vía de altas prestacións, entre A Pobra e a conexión coa A-6 en Nadela, que completará a autovía, cuxa 1ª fase se atopa en execución.
Das 11 ofertas presentadas a este contrato, 6 están conformadas por UTE, o que supón que hai un total de 17 empresas interesadas nestes traballos, licitados por 335.000 €.
O obxectivo do departamento de Infraestruturas é comezar a executar os traballos no verán para que, cando o vindeiro outono se poña en servizo o primeiro treito da autovía Nadela-Sarria, estea xa en marcha a redacción do proxecto da 2ª fase, que completará o desdobramento da vía de altas prestacións entre Lugo e Sarria.
Ritmo intenso na execución da 1ª fase
A Xunta está a traballar a un ritmo intenso na construción da primeira fase da autovía Nadela-Sarria, un dos proxectos estratéxicos que están en marcha actualmente na provincia de Lugo.
A Xunta está a investir máis de 25 M€ nesta primeira fase do desdobramento da vía de altas prestacións que vertebra o sur da provincia actuando, concretamente, nos 11,5 km que conectan A Pobra de San Xiao con Sarria centro, o treito que rexistra maior intensidade de tráfico.
As obras supoñen a adaptación dos tres enlaces do treito (A Pobra, Sarria norte e Sarria centro) e a ampliación dos seis pasos inferiores, ademais da instalación dun valado reforzado, que está demostrado que é o medio máis eficaz para evitar o acceso de fauna salvaxe que pon en risco a seguridade dos condutores.
Cómpre destacar que a construción desta infraestrutura responde á firme vontade da Xunta pola vertebración e o equilibrio territorial, a través dunha actuación que achegará seguridade viaria, competitividade económica e calidade de vida ao sur da provincia.
A Xunta xa investiu máis de 135 M€ na construción, nos peores anos da crise económica, da vía de altas prestacións entre Sarria e Monforte, rematada no ano 2015, e agora está a destinar outros 25 M€ á primeira fase do seu desdobramento, aos que se sumarán uns 30 M€ para completalo.