A Xunta recibe 15 ofertas para executar as obras da rolda leste de Ourense, entre Bemposta e a estrada N-525, que suporá un investimento de 12,7 M€

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2026

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, recibiu un total de 15 ofertas de empresas para executar  as obras da Rolda Leste de Ourense, que unirá Bemposta coa estrada N-525, por un investimento de 12,7M€.

A nova estrada, de 1,5km, discorrerá polos concellos de Ourense e San Cibrao das Viñas, beneficiando a unha poboación de 110.609 habitantes.

En concreto, o viario unirá a estrada OU-105 en Bemposta coa N-525 e completará a circunvalación polo sur da cidade conectando coa A-52. Iniciarase na glorieta existente na confluencia da estrada OU-105 coa OU-510, no núcleo de Bemposta, e desde este punto discorrerá en sentido suroeste para terminar na nova glorieta de conexión que permitirá o enlace coa N-525/OU-525 e coa autovía A-52.

Os traballos terán un prazo de execución de 30 meses e o obxectivo da Xunta é adxudicar as obras antes de que remate este ano.

Con esta nova estrada, completarase un viario de circunvalación perimetral da cidade de Ourense de acordo co previsto no Plan Sectorial Viario de Ourense e a súa contorna.

A actuación permitirá reducir o tempo de viaxe, cun importante acurtamento na distancia de percorrido ata a autovía A-52, pasando dos 7 minutos e 4,6 km que son necesarios a día de hoxe entre Bemposta e a N-525 a pouco máis de 1 minuto e 1,7 km de lonxitude.

A intervención tamén suporá un reforzo da seguridade viaria, cunha aposta pola calidade de vida dos veciños ao sacar tráfico do centro de Ourense, desconxestionando o tránsito de rúas como Marcelo Macías ou a Avenida de Zamora.

O treito que se construirá entre Bemposta e a N-525 contará con dous carrís, un por cada sentido, de 3,5 metros cada un, e beiravías de 1,50 metros. Nas zonas de maior pendente haberá un carril adicional.

Este trazado precisa de importantes estruturas ao longo do seu percorrido, como un paso inferior no cruce onde pasa a liña de ADIF existente; un viaduto de 80 metros de lonxitude sobre o Río Barbaña; e un paso superior para dar acceso á EDAR San Cibrao.

Hai que sinalar tamén que o acceso á glorieta dende ou cara á N-525/OU-525 se redefine mediante a execución de dous ramais: o ramal sur parte dende a estrada OU-525 mediante un carril de deceleración, e o ramal norte, que parte da glorieta existente, baixando ata a N-525 e entroncando co carril adicional que permite a entrada a Expourense.

O trazado discorre en terraplén nos primeiros 400 m e segue en desmonte con noiros elevados ata o P.Q. 1+220, condicionado pola liña ferroviaria de ADIF. Neste punto o trazado cruza sobre o río Barbaña e entronca directamente coa glorieta existente na N- 525 que non sufrirá ningunha modificación.