Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de transformación integral da estrada PO-546, a estrada vella entre Marín e Pontevedra, para conformar un eixe de mobilidade sostible.
As actuacións, cun investimento que rolda os 6,6 M€, teñen como obxectivo mellorar a funcionalidade da estrada entre Mollabao e Os Praceres, no concello de Pontevedra, orientándoa ao tránsito de peóns, ciclistas e transporte público.
Esta intervención consiste na construción dun itinerario pola marxe dereita da estrada autonómica, de 3,5 quilómetros de lonxitude e cun ancho que oscilará entre os 2,9 e os 4 metros, entre os puntos quilométricos 0+590 e 4+090.
Entre as actuacións proxectadas inclúese a separación con respecto á estrada do trazado da senda na travesía da Gandarela, debido á falla de espazo entre as construcións existentes.
Executarase unha glorieta á altura da intersección de acceso ao Centro de Investigacións Forestais de Lourizán coa PO-546, coa finalidade de reducir a velocidade dos vehículos que acceden á travesía da Gandarela procedentes de Marín e mellorar a seguridade no acceso a este centro.
Ademais, esta glorieta prevé facilitar o cambio de sentido dos vehículos procedentes de Marín que queiran acceder ao futuro aparcadoiro disuasorio tipo carpooling que a Xunta ten previsto executar na contorna do punto quilométrico 2+800 desta mesma vía autonómica, cuxo proxecto tamén se somete hoxe a información pública.
Tamén se mellorarán as paradas de transporte público, favorecendo a mobilidade en autobús entre Marín e Pontevedra, e renovarase a iluminación no treito de actuación.
Ademais, o proxecto recolle distintas estruturas que redundan na mobilidade sostible, como a execución de dúas pasarelas a distinto nivel da senda peonil, unha de máis de 120 metros sobre o rego de Louriñas, e a outra de 45 metros sobre O Sartán. Tamén se executarán muros de sostemento, necesarios pola proximidade da vía do ferrocarril nalgunhas zonas, prolongando os xa existentes para poder lograr un ancho de senda adecuado e obter zonas amplas nas que se prevé a instalación dun parque infantil.
A intervención complétase coa dotación de zonas de esparexemento, destacando a habilitación dun miradoiro, no punto 1+050, aproveitando o espazo inutilizable na marxe dereita da calzada, cun pequeno parque infantil e zona verde que permita gozar das vistas da ría de Pontevedra.
Con esta actuación o Goberno galego trata de favorecer a conformación dun eixe de mobilidade peonil-ciclista que conecte o núcleo poboacional de Marín coa cidade de Pontevedra, que permita comunicar os puntos de interese da cidade ao longo do eixe oeste–este, tales como o porto de Marín, os servizos administrativos da Xunta e os centros formativos, de saúde ou deportivos.
Aparcadoiro disuasorioO DOG tamén recolle hoxe o anuncio polo que se somete a información pública o proxecto de construción do aparcadoiro disuasorio nesta mesma estrada PO-546 para o fomento do vehículo compartido, asociado á implantación de zonas de baixas emisións nas cidades galegas.
Executarase un aparcadoiro no tramo entre a estrada de acceso ao Pazo de Lourizán e a intersección da vía de conexión da PO-546 co núcleo do Rozo, que suporá un investimento estimado próximo aos 500.000 euros.
O novo aparcadoiro, que busca facilitar o emprego do vehículo compartido e reducir a presenza dos coches no centro da cidade, situarase entre os puntos quilométricos 2+750 e 2+950 da PO-546 e contará cunha superficie total de 2.465 m².
Disporá dun total de 71 prazas, 2 delas para vehículos conducidos por persoas con mobilidade reducida, ademais de dispor de 3 puntos de recarga para vehículos eléctricos.
Esta localización considerouse idónea ao atoparse nunha vía principal de comunicación entre Pontevedra e o resto da comarca do Morrazo, facendo as funcións de aparcadoiro disuasorio, tanto de carpooling como vinculado ao transporte público.
Ademais, existen 4 paradas de autobús na contorna dos 300 metros, que comunican Pontevedra cidade coa comarca do Morrazo, convertendo o emprazamento nun lugar de intercambio modal.
O deseño do aparcadoiro disuasorio coordinouse coa redacción do proxecto de transformación integral da estrada vella entre Marín e Pontevedra, permitindo a coordinación de ambas as dúas intervencións.
Na publicación de hoxe no DOG tamén se someten a información pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola realización destas dúas actuacións.
As persoas interesadas poderán formular observacións á concepción do trazado durante 30 días hábiles, a partir de mañá. Nos seguintes enlaces ao DOG pódese ampliar a información relativa aos anuncios: http://xurl.es/98z9m , http://xurl.es/m9f6p
Estas dúas actuacións impúlsanse ao abeiro dos fondos europeos Next Generation a través dos cales o Goberno galego segue a traballar no obxectivo do fomento dunha mobilidade sostible nas cidades galegas, con diversas liñas de intervención.