O Xurado de Expropiación de Galicia é un órgano colexiado permanente da Comunidade Autónoma especializado nos procedementos para a fixación do prezo xusto na expropiación forzosa, cando a administración expropiante sexa a comunidade autónoma ou as entidades locais do seu ámbito territorial. Quedou constituido con data 14 de febreiro de 2006.
A expropiación forzosa, tal e como ten declarado o Tribunal Constitucional, é unha garantía constitucional do dereito da propiedade privada na medida na que se asegura unha xusta compensación económica a quen, en interese social ou ben por razóns de utilidade pública, se priva dos seus bens ou dereitos de contido patrimonial, sendo ademáis un instrumento fundamental, posto ao dispor dos poderes públicos para o cumprimento dos fins de ordenación territorial e conformación ás necesidades crecentes de xustiza social.
Para esta tarefa existían os Xurados provinciais de expropiación, dependentes da Administración Central do Estado, que atendían a todos os casos en que era necesaria a determinación dun prezo xusto en expropiacións forzosas nas que non había acordo previo entre o expropiado e a administración expropiante.
A Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, no marco das competencias atribuídas pola Constitución Española e o Estatuto de Autonomía de Galicia, é a que crea o Xurado de Expropiación de Galicia como un órgano colexiado permanente da Comunidade Autónoma especializado nos procedementos para a fixación do prezo xusto na expropiación forzosa, cando a administración expropiante sexa a comunidade autónoma ou as entidades locais do seu ámbito territorial.
Quedan así en Galicia, os Xurados provinciais de expropiación, para atender ás valoracións nos que a administración expropiante sexa o Estado Central, e o Xurado de Expropiación de Galicia (XEG), para o resto de expropiacións nas que actúen a administración autonómica ou as corporacións locais.
Con posterioridade, a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 143/2016, do 22 de setembro, regulan os principios básicos da súa organización e funcionamento.
Co fin de axustar a composición do órgano ás disposicións vixentes e reformular as súas funcións, tales como a emisión de informes e a formación de valoradores, aprobouse o DECRETO 172/2018, do 20 de decembro, polo que se aproba o regulamento de organización e réxime de funcionamento do Xurado de Expropiación de Galicia (DOG do 14/01/2019 e CORRECCIÓN DE ERROS DOG do 23/01/2019).