Estrutura permanente do Xurado de Expropiación

O Xurado de Expropiación de Galicia funciona como un órgano colexiado de carácter permanente e especializado, que actúa con independencia xerárquica e funcional, para a determinación dos prezos xustos dos expedientes de expropiación que lle son encomendados.

A súa composición é:

  • Presidencia:

    Exercida por persoal, funcionario de carreira con licenciatura ou grao en dereito, arquitectura ou enxeñería, con máis de dez anos de experiencia profesional.

  • Vogais:
    • Un asesor xurídico, da escala de letrados da Xunta de Galicia.
    • Tres vogais permanentes do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, con titulacións en arquitectura, enxeñería agrónoma, enxeñería de camiños, canles e portos ou enxeñería de montes.
    • Un vogal pertencente ao corpo ou escala do grupo A, subgrupo A1 da Xunta de Galicia, con competencia en materia de valoracións, en representación da consellería competente en materia de facenda.
    • Un vogal, persoa funcionaria pertencente ao corpo ou escala do grupo A, subgrupo A1 da Federación Galega de Municipios e Provincias.
    • Un titulado/a universitario/a oficial de grao ou equivalente, con experiencia nas materias propias do ámbito de competencias do Xurado, por proposta do Consello Galego de Consumidores e Usuarios.
    • Sete profesionais libres colexiados con acreditada competencia nas materias propias das competencias do Xurado, en representación dos colexios profesionais de Galicia, propostos polos seus presidentes.

Os vogais que representan aos colexios profesionais son un Enxeñeiro Agrónomo, se se trata de fincas rústicas; un Enxeñeiro de Camiños, Canles e Portos, cando se trate de aproveitamentos hidráulicos ou outros bens propios da súa especialidade; un Enxeñeiro de Montes, cando o principal aproveitamento da finca expropiada sexa forestal; un Enxeñeiro de Minas, nos casos de expropiación de dereitos mineiros; un Arquitecto cando a expropiación afecte a fincas urbanas; un Enxeñeiro Industrial, cando se trate de industrias en xeral, e un economista cando a expropiación trate sobre valores mobiliarios.

  • Secretaría:

    Exercida por persoal funcionario  do corpo superior de Administración xeral da Xunta de Galicia pertencente ao grupo A, subgrupo A1, designado pola consellería de adscrición polo procedemento de libre designación.

O XEG como órgano administrativo

O XEG é tamén un órgano administrativo pertencente a estrutura da Xunta de Galicia, que é o encargado de dar apoio técnico-xurídico-administrativo ao órgano colexiado, que contará, para o exercicio das súas competencias, cos empregados públicos que se determinen na relación de postos de traballo da consellería de adscrición.